Tradutor

luns, 14 de decembro de 2015

O DEREITO A SER PERSOAS


O día 10 de decembro celébrase o Día dos Dereitos Humanos. É un día no que se recorda que todos somos iguais e temos os mesmos dereitos.
Os dereitos humanos son aquelas liberdades e dereitos básicos que toda persoa posúe polo mero feito da súa condición humana, a garantía dunha vida digna; sen importar a etnia ou nacionalidade da que procedas. Dende un punto de vista máis relacional, definíronse como as condicións que entre a persoa e a sociedade, que permita á xente ser libre baixo a norma de:”A túa liberdade remata onde comezan os dereitos doutros". Estes dereitos, habitualmente, defínense como inherentes á persoa, é dicir que non poden transmitirse, transferirse ou renunciar a eles: ninguén, por exemplo, pode venderse como escravo .Por definición, este concepto de dereitos humanos é universal e igualitario.
Por desgraza hoxe en día hai países nos que aínda non se aplicaron os dereitos máis básicos como a liberdade e igualdade, non obstante existen ONG´s  que loitan polos dereitos humanos e por unha vida máis xusta.
Eu estou a prol da loita polos dereitos humanos, ti o estás?









Texto: Pablo Otero e a clase de 2º ESO “D”
Debuxo: Iker Seoane


martes, 3 de marzo de 2015

LENDA DA PRIMAVERA


      A Primavera é anunciadora do renacer e con ela asistimos, realmente, a un recomezo do ciclo natural das estacións. A Natureza acorda do letargo a que o someteu o Inverno, marabillándonos cunha mestura de cores – as das flores.
     De entre esas flores, distínguese a prímula. O nome botaninco desta flor vén da palabra latina primula, que significa "a primeira" e indica que esta planta é unha das primeiras que florece na Primavera en certas rexións máis frías. Mais tamén se lle chama "primavera", nome que vé do Latín primo verae que significa "no principio da Primavera".
imagem de prímulas
     Existen varias lendas asociadas a esta flor, pero a que vos imos contar refírese sobre todo a unha variedade espontánea, de cor amarela, cuxas flores fan lembrar un grupo de chaves.
     Segundo a lenda, San Pedro – o guardián da porta do ceo – estaba un día moi tranquilo botando unha soneca, cando ouviu un barullo vindo da porta traseira. Alguén estaba a tentar entrar no ceo por esa porta, en vez de usar a porta de diante, da cal el tiña as chaves.
     Un pouco estrañado, San Pedro ergueuse e foi ver o que pasaba. Mais estaba tan durmido, que as chaves caéronlle das mans e caeron ao chan. Entón –o milagre– as chaves criaron raíz e de aí xurdiu unha linda planta con flores amarelas.
     Como estaba na Primavera e esas foran as primeiras flores en aparecer, chamáronse primaveras ou prímulas. Como se di que nasceram das chaves de San Pedro, nalgúns países existe variantes do nome: na Alemaña chámanse tamén “pequenas chaves do ceo"; na Inglaterra son coñecidas por "flor das chaves" e tamén por "planta de Pedro"; na mitoloxía nórdica, a flor era dedicada á deusa Freya, a Virxe das Chaves, pero cando eses países do norte de Europa transformáronse en cristiáns, o culto foi transferido para a Virxe María e a planta pasou a chamarse "Chaves da Nosa Señora" e tamén "Chaves do Ceo".


DESFRUTEMOS DESTA PRIMAVERA!!

mércores, 28 de xaneiro de 2015

"GZ"


     A min preocúpame certamente o conto ese que din agora, de que o galego está a desaparecer. E iso que eu pensaba que as linguas non podían extinguirse, coma os dinosaurios. Ou que iso non tiña cabida nas nosas fronteiras, que só acabaría pasando en lugares como Francia, onde linguas como o corso ou o bretón mantéñense conectadas artificialmente á vida, co brazo estendido do que pendura unha vía unida a un goteiro, mentres os seus falantes contemplan aos pes da cama, como cada día respira máis amodo, e como fallan as súas constantes vitais. Asistiremos inevitablemente á morte destas linguas, iso sabémolo ben. Pero non parece importarnos en gran medida.
     E desta afiliación lingua-morte, venme á cabeza a cantidade de galegofalantes que se pasan ao castelán despois de mortos. É algo que me chama poderosamente a atención cando vou o cemiterio visitar á miña avoa. Non hai máis que botarlle unha ollada ao que reza nas lousas de mármore que serven de arquivo de todo ser que alí repousa. Así, lendo as inscricións das lápidas atópome con que aquela que fora sempre en vida ‘dona Xosefa Verdes Castro do alto da costa, viúva do Ferreiro’, convértese cunha facilidade incrible despois de morta en ‘ Josefa Verdes Castro, del alto de la cuesta, viuda de Ferreiro’ e pasa a ser nacida en el veintitrés no canto de nada no vinte e tres, creando unha pobre e malsonante maneira de subtitular a morte dunha muller, que ata o día do seu pasamento non pronunciou palabra nunha lingua que non fose a vernácula.
      Pero isto do culto á morte éche algo moi patrio que temos. Houbo un día que fun testemuña dunha conversa destas de barra de bar, entre dous homes que apoiaban os brazos cruzados no mostrador, e mantiñan a mirada fixa nalgún punto do teito, con expresión concentrada, asentindo cada pouco tempo:

- Pois xa está aí Defuntos.
- Está está.
- E veña miña nai a dicirme que hai que lle ir levar flores novas ao meu pai, que estamos xa no tempo, que xa lle van morrer, que o pobriño non o merece, boh!
- Veña oh, que as flores sonche algo moi bonito, así as flores da xente que se lembra dos seus mortos non se murchan.
- E será… pero levarlle flores ao meu pai… ao meu pai! Se lle puxeran un anaco de touciño polo lombo, que era do que el ghustaba ben…

     Pero ademais da morte, algo que tamén é moi noso son os bares, e todo o que ocorre nos seus interiores. A min algo que sempre me chamou moito a atención son os encontros multitudinarios para xogar a partida de sobremesa, que derivan en auténticos torneos de tute de carácter pouco menos que internacional, que digo torneos! En auténticas batallas! Esas mesas pequenas e cadradas cubertas cun tapete verde escuro, onde rebotan as mans con violencia, rodeadas por infinidade de cadeiras de participantes ambiciosos, nos que o entusiasmo se combina coa continencia dun xogador experimentado. Ao redor dos contendentes adoitan sobrevoar tamén unha serie de individuos, que me gusta definir coma ‘Opinadores do tute’, que non xogan, pero botan a tarde a voltas lentas por detrás dos xogadores, preconcebindo as xogadas de reollo, e dicindo en voz baixa de cando en vez:

- Pero bótalle o as oh, non sexas bobo.
- Ou oh, queres sentarte a xogar?
- Ai non, que eu xa marcho.

      Pero non marchan en toda a tarde. Esa e outra, que tamén gostamos moito de facer o que nos vén en gana. Outra cousa característica dos nosos bares é a presenza sentencial dos grifos de caña de Sargadelos, presidindo a barra, como un distintivo de identidade, que así a todo está a desaparecer dos establecementos coa mesma presteza que o galego dos nosos falares.
     Pero ás veces tamén adoitamos relacionar Galiza con vacas e prados longos e verdes. Non vos vou mentir, eu son de porto de mar e non sei nada de vacas, polo que si tento saber algo de mares. O mar galego, ademais de ser o medio de vida de moitos dos poboadores do litoral, estivo sempre unido á desgraza, ao medo e á incerteza de quen ten un fillo, un marido ou un pai botado a el.
     Ligado as noites sen sono, a catástrofes oficialmente sen culpables, que deixan cadáveres nas praias e familias desfeitas, que fan que os que pelexan cada día contra a forza do elemento o fagan para que os seus fillos poidan nun futuro, ter un traballo en terra.
     Porque está moi mal estendida a crenza no galego que chora ante as inxustizas, que se lamenta do asoballamento do alleo, que se lambe as feridas (que dano fixesches, Rosalía!); mentiras, todo mentiras, nós non choramos, nós berramos, e que veñan as inclemencias que queiran vir, que se aguantamos toda a vida sen perdernos, ben poderemos confrontar o que sexa que veña agora.
     E por iso non creo que a lingua galega poida extinguirse. Porque para se extinguir, ten que desaparecer o ser que inevitablemente lle vai ligado. E nós, levando o xentilicio como estandarte, non nos imos abandonar tan facilmente.

TEXTO DE MARTA OTERO (Alumna 2º bach.)



mércores, 12 de novembro de 2014

A LENDA DA TORRE DE HÉRCULES

Este mes tócalle a quenda á nosa cidade, e a unha lenda sobre o monumento máis emblemático que posuímos... 

Torre de Hércules. A Coruña

Breogán, fillo de Brath, foi o podente xefe dunha daquelas tribos dos ártabros que moraron nas terras de Galicia, na parte central da costa norte, cando os celtas asentaron, miles de anos antes da invasión dos romanos no noso país.
Nunha pequena insua que hoxe está unida pola parte moderna da Coruña, construída sobre area, existía a vella cidade gobernada por Breogán. As barcas de vimio recubertas de coiro abrigábanse no pequeno porto de San Amaro.
Preto de alí, nunha das beiras que fai un pequeno outeiro, Breogán fixo construír unha grande e ergueita torre máis achegada á mar aberta. Aquela torre podería servir de guieiro aos navegantes; podería tamén, acendendo no seu cume unha lumeirada, transmitir a longas distancias durante a noite certos sinais, como por exemplo a arribada daquelas grandes naos dos marchantes fenicios que viñan comerciar cos galegos, unha orde de xuntanza, un perigo que arboleaba ou cousa polo xeito.
Unha tarde, Ith, o fillo de Breogán, subiu ao cume da torre e albiscou ao lonxe do mar; aló, nos confíns, pareceulle ver entre as brétemas da distancia outra terra descoñecida. O desexo de saber o que habería naquel lugar, até daquela ignorado, empurrouno á aventura.
Pediu consentimento ao seu pai para organizar unha expedición.
Podía dar, era posible, que da outra banda do mar houbera pedras das que se fundían para fabricaren armas e ferramentas; o precioso metal amarelo co que labraban prezadas xoias; quizais riquísimas froitas ou sementes semellantes á ceveira, orxo ou aínda mellores para a mantenza; madeiras, liño para teceren as súas roupas outros animais, outras xentes...
A expedición realizouse. Antes da partida, Breogán recomendoulle ao seu fillo que fixera a viaxe montado no seu cabalo, sen baixarse del até que chegara; unicamente así podería ter a certeza de poder voltar con facilidade.
É desta maneira foi como os celtas de Galiza levaron a Irlanda a súa civilizacíon. Por isto é que as mesmas citanias ou castros de casas circulares se atopan en Irlanda e Galicia; e mais os preciosos torques de ouro; e parellos nomes de ríos e lugares... e, ara a mesma gaita con semellantes temas musicais.

CARRÉ ALVARELLOS, Leandro. As Lendas tradizonaes galegas, Museu de Etonografía e História, Junta Distrital do Porto, Porto, Portugal


luns, 13 de outubro de 2014

Benvid@s a este novo curso!!
Este ano desde o EDLG queremos dar a coñecer lendas da nosa terra e as súas personaxes mitolóxicas... Desexamos que o desfrutedes!


Para comezar daremos paso ás MOURAS:
             Segundo antigos relatos populares, son as almas de doncelas que foron deixadas a gardar os tesouros que os mouros esconderan antes de partir para a súa terra.
            As lendas describen as mouras encantadas como doncelas novas de grande beleza ou encantadoras princesas e "perigosamente sedutoras". Aparecen frecuentemente cantando e peiteando os seus longos cabelos, louros como o ouro ou negros como a noite, cun peite de ouro, e prometen tesouros a quen as libere do encanto.  Aparecen xunto de fontes, pontes, ríos, pozos, castros, antigas construcións, vellos castelos ou tesouros escondidos.
A MOURA DO CASTRO DE BAÍNTE
  Estaba unha Moura asoellando ouro no castro cando acertou a pasar por alí un home de Baínte, que quedou a ollar para tanta riqueza e dixo:
     - Ai se me dese un pouco!
Ao que a Moura respondeu:
     - Quérelo aos puñados ou quérelo aos ferrados?
E o home de Baínte exclamou moi pronto:
     - Quéroo aos ferrados!
     - Pois logo vai axiña buscar a medida.
  Correu o home cara á casa mais, cando voltou coa medida, o ouro e a Moura xa desapareceran.
  E o de Baínte laiábase: Se dixese aos puñados, poida ser que arestora algún ouro fora meu.

luns, 12 de maio de 2014

XOSÉ Mª DÍAZ CASTRO

               Xosé María Díaz Castro naceu nos Vilares de Parga-Guitiriz no ano 1914. De orixe labrega, ingresou no Seminario de Mondoñedo aos dezasete anos, mais abandonou a formación eclesiástica en 1936 para se dedicar ao ensino privado en Vilagarcía de Arousa. Cursou a carreira de Filosofía e Letras na especialidade de linguas modernas e en 1948, unha vez licenciado, marchou a Madrid, onde residiu a maior parte da súa vida, para traballar como tradutor en diferentes institucións oficiais e editoras (coñecía case todas as linguas europeas).
               En 1961, quince anos despois de lle ser premiada a composición Nascida dun sono nun certame en Betanzos, viu a luz o seu único libro, Nimbos, que o convertiu nunha das voces poéticas máis destacadas das letras galegas do século XX; porén, os seus primeiros poemas xa apareceran na Escolma de poesía galega, IV. Os Contemporáneos, editada por Galaxia en 1955. A singularidade do seu posicionamento estético e ideolóxico e a forza expresiva dos seus versos concédenlle un lugar destacado no panorama da poesía de posguerra.
              O universo lírico de Díaz Castro xira á volta do ser humano, o amor, a vida, a morte e o tempo. Tamén encontran espazo na súa escrita a relixiosidade (enfocada desde o ascetismo e desde a necesidade de aprofundar na esencia das cousas) e a preocupación por Galiza; por veces, recorre á paisaxe dunha maneira simbólica para introducir a súa visión sobre a realidade do país.
               Díaz Castro revelouse como un grande mestre da técnica versificadora e dos recursos estilísticos. Un dos principais trazos característicos da súa obra, fortemente influída pola lectura dos clásicos antigos e modernos, é a cuidada selección do léxico (a pesar de tender para o emprego de ruralismos e dialectalismos) e o evidente interese pola lingua, que se manifesta nunha poesía elegante e sinxela.
               Tras unha vida entregada á investigación, ao ensino e á tradución, o poeta lugués faleceu en Lugo en 1989.

OBRA
              No 1961 Galaxia publica o seu único libro:Nimbos. O termo Nimbos explícao todo: “é o nimbo dos santos, a auréola que rodea a cabeza dos santos, unha auréola de gloria. É coma unha auréola que lles poñemos ás cousas para facelas resaltar máis… Algún crítico dixo que era un home con moito respecto ás cousas, un respecto ás criaturas de Deus non acariñadas. Esas son as que busca o poeta para elevalas a unha categoría, e por iso envólveas nun nimbo de luz, para darlles gloria”...

              Dentro desta obra destaca un poema, "Penélope", que é o poema máis editado e traducido de Díaz Castro no que denuncia a pasividade que hai no país, o que axudou a remover moitas conciencias contra todo tipo de aldraxe, nun tempo no que a poesía máis cá teoría sociopolítica chegaba con máis facilidade e menos atrancos represores aos cidadáns sensibilizados, e mesmo acadaba a crear unha reación contra todo tipo de opresión, así a poesía de Manuel María, Celso Emilio Ferreiro, Novoneyra...

"Un paso adiante e outro atrás, Galiza,
e a tea dos teus soños non se move.
A espranza nos teus ollos se espreguiza.
Aran os bois e chove.



Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol coma unha uva.
Pro ti envolveste en sabas de mil anos,
e en sonos volves a escoitar a chuva.



Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, ¡Xesús María!,
e toda cousa ha de pagar seu desmo.



Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco o Outono.
¡Un paso adiante e outro atrás, Galiza!"


Alumnado de 3º da ESO lendo a exposición sobre o autor homenaxeado






luns, 28 de abril de 2014

OS MAIOS

                       Hai varias teorías para explicar a orixe da festa dos maios, o que si parece claro é que nun principio os maios naceron como un ritual para invocar dos deuses a protección dos produtos sementados na terra. Trátase dun rito agrario, encamiñado a propiciar boas colleitas, un rito para favorecer a fecundidade da terra por medio da arte (maios), a música e a poesía (coplas). Por iso a festa celébrase na primavera, un tempo no que a terra comeza a desperezarse e a espertar do seu longo sono invernal, un tempo no que a vida comeza a xermolar por todas partes. Celébrase a despedida do inverno, o florecer das plantas e a chegada dos primeiros froitos.
                      A dos maios é unha festa pagá, anterior á chegada do cristianismo. Pero como moitas outras foi cristianizada, e por iso moitos dos maios levan no cume unha cruz, e por iso mesmo en moitos sitios a festa dos maios celébrase o día da Santa Cruz (3 de maio).

                       Hoxe en día os maios constan de dúas partes:

 -Por un lado, están os maios propiamente ditos, que son «momumentos» feitos cunha estrutura de madeira, que se reviste con musgo, flores, carrabouxos… procurando empregar sempre elementos naturais. Poden ser de dous tipos: os que teñen forma cónica ou piramidal, que son os enxebres ou tradiccionais; e os maios artísticos, que teñen forma libre (pontes, igrexas, carros de vacas, cruceiros, muíños, minicentrais…

- E, por outro lado, están as coplas, que son versos normalmente de seis sílabas, en estrofas de catro versos cada unha, con rima asonante nos versos pares. As coplas poden ter contido literario referente á primavera, pero o máis normal é que teñan un contido satírico referido a acontecementos recentes. Esta crítica céntrase na maioría das veces en asuntos locais, moi cercanos á xente do pobo no que os maios se celebran. É moi habitual aproveitar as coplas para criticar aos políticos locais lembrándose das súas promesas incumpridas e pedíndolle determinadas obras ou melloras que o pobo bota en falta, como pode ser un polideportivo, o arranxo dunha rúa, o adecentamento dun parque, ou calquera outra cousa. Segundo reza a tradición as coplas cántanse o día dos maios e o mellor que pode pasar é que o público aplauda a rabear e ría con ganas.

A continuación deixamos un fragmento do poema do escritor do Rexurdimento Manuel Curros Enríquez, no que fai referencia a estas festas:

Aquí vén o maio
de frores cuberto...
puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.

Pasai, rapaciños,
calados e quedos;
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sónvo-lo probe
do pobo gallego:
pra min non hai maio,
¡pra min sempre é inverno!...